O colectivo Tromentelo, existe como tal dende fai algo máis de 30 anos.
Este proxecto comezou en 1987 coma actividade extraescolar da mán da ANPA Fornobedo do CEIP Castrillón e de Xaquin Camaño, director fundador do grupo. Os primeiros compoñentes aprenderon a tocar con punteiros e gaitas que foron recompilados de diferentes persoas da parroquia e arredores. Como anécdota está a de recuperar unha gaita de freixo e fol de neumático que servía de adorno nunha casa colgada da parede.
En xuño de 1990 tivo lugar a primeira actuación conxunta da Escola de Gaitas Tromentelo no Festival de Fin de curso do CEIP Castrillón. Ese ano a agrupación estaba formada un total de 20 compoñentes: sete gaitas (todas recicladas: cada unha da súa feitura e afinación), 9 punteiros, 2 caixas e un bombo. As festas do Divino San Salvador, patrón da parroquia de Coiro, foi a seguinte actuación.
En 1990, grazas a unha aportación do centro, se compran gaitas novas afinadas en “si natural”, e se fai unha reparación das vellas. Así mesmo, se encarga a unha modista da parroquia a feitura de fundas e flecos para as gaitas nas que aparece por primeira vez bordada a insignia de TROMENTELO.
O 10 maio de 1991 pasou a ser Banda de Gaitas facendo a súa presentación pública como tal nas instalacións do colexio e sendo apadriñada pola Banda de Gaitas Xarabal da Universidade Popular de Vigo, onde recibiu o estandarte de mans do seu director, o mestre D. Antón Corral.
Ao día seguinte, a banda actuaría por primeira vez na II edición das Xornadas Culturais do Muíño de Fausto, en Coiro. Estas xornadas, organizadas pola Asociación de Montes e a A.C. Cacarexo, fomentan o encontro e a recuperación das antigas tradicións e costumes galegas ó redor dun muíño e todo o que iso conleva: muíño, muiñada, fariña, música tradicional, romería… Dende entón, a banda participa e colabora todos os anos na organización destas xornadas.
1992 destacou por ser un ano no que a agrupación actuou por primeira vez en numerosas poboacións da xeografía galega e tamén por realizar a súa primeira actuación internacional na cidade portuguesa de Porto da man do Rancho Típico de ILHEU.
Nun intento de amosar o traballo da Banda e achegar ó seu pobo grupos doutras rexións, crease en 1997 o “Festival Folclórico Tromentelo”. O obxectivo deste evento se mantén ó longo dos anos: consolidarse coma un referente de calidade, diversidade e espectáculo, alternando grupos de fóra de Galicia con grupos da terra de indiscutible calidade e representatividade da tradición musical galega.

No ano 2000, fronte o crecemento deste colectivo e ante as necesidades que como agrupación presentaba, viuse na obriga de independizarse da ANPA pero sen chegar a romper a súa relación nin co centro nin coa Asociación, onde na actualidade se continua impartindo a actividade. No ano 2002 e baixo a dirección de Sara Malvido, membro fundador da banda e que cursou os seus estudos de canto e percusión na Aula de Música Tradicional da Universidade Popular de Vigo, é cando o conxunto se integra dentro da A.C. Cacarexo funcionando cunha Comisión Rectora dentro da mesma.
Foi o 28 de decembro de 2010 cando a agrupación decide saír do seo da A.C. Cacarexo e se constitúe a Asociación Cultural Folclórica Tromentelo.
Dende entón, a Banda de Gaitas Tromentelo continúa cunha traxectoria ascendente, contando na actualidade cunha formación de 30 compoñentes entre gaitas e percusión. O seu directo, de grande forza e dinamismo, conta cun repertorio musical que está baseado nas raíces tradicionais da música popular galega e tamén na interpretación de pezas orixinais de prestixiosos compositores galegos con arranxos propios da banda. Para a interpretación destas pezas a banda emprega, ademais de gaitas afinadas en “si bemol” e “do”, zanfoñas, acordeóns, requintas e instrumentos de percusión tradicionais como tamboriles, bombos, pandeiretas, charrascos, pandeiros, tarrañolas, ou culleres; auténticas pezas de artesanía galega.
Na súa extensa traxectoria musical, caben destacar as actuacións en Santiago de Compostela, Porto ou Salamanca con motivo das súas respectivas capitalidades culturais nos anos 2000, 2001 e 2002. Ademais de facer diversos intercambios culturais con diferentes rexións da xeografía española como Huesca, Albacete, Málaga, Castellón, Zaragoza, Murcia ou León; a banda tamén realizou diversas actuacións no veciño Portugal en poboacións como Lisboa, Coimbra, Aveiro, Amarante, Barcelos ou Penafiel, intentando sempre aprender, coñecer e valorar as diferentes culturas e costumes de cada lugar que visita.
A presenza da Banda de Gaitas todos os anos na Procesión de Semana Santa do Concello de Cangas, declarada de Interese Turístico Galego, é xa unha actuación fixa no calendario desta agrupación. Tromentelo tamén participou en diversos Festivais Intercélticos coma o de Avilés en Asturias ou o do Morrazo en diversos anos. Ademais a banda tamén apareceu en programas de televisión como “Galicia para o Mundo”, “Galicia Enteira”, “Aquí Galicia” ou “Vaia Troula”.
Ó longo de todos estes anos, a agrupación non deixou de medrar. Apareceron novas necesidades de diversificar e ampliar o seu campo de actuación para dar cobertura a distintos ámbitos da música tradicional, se participou e colaborou con outras asociacións e artistas e se deu un pulo a Escola de Gaitas e Percusión pola que cada ano pasan preto de 60 alumnos.